Carballo estrea unha homenaxe a Cardoña, o "obrero da foto", en forma de documental

Imaxes do documental Cardoña

O auditorio do Pazo da Cultura converterase este mércores, 13 de maio, ás 20:00 horas, nun escenario para a nostalxia e o recoñecemento histórico coa proxección da curtametraxe documental Cardoña, fotos a 7 pesetas. A peza, obra do director Carlos Lorenzo, recupera a figura de José Gestal García (1918-2003), coñecido popularmente como "Cardoña", un personaxe fundamental para entender a memoria visual das zonas de Carral e Carballo.

"Cardoña" non era un fotógrafo de galería nin de estudio burgués; era un "obreiro da foto". Cun equipo humilde e unha vontade inquebrantable, percorreu durante décadas festas, feiras e aldeas, capturando os rostros de veciños e familias que, doutro xeito, nunca terían un retrato. O título do documental, "fotos a 7 pesetas", fai referencia ao prezo popular que cobraba por aquel tesouro en papel que hoxe habita en miles de marcos e álbums familiares.

O documental de Carlos Lorenzo non só repasa a biografía de Gestal, senón que reflexiona sobre o papel social destes fotógrafos ambulantes e o valor que hoxe ten o seu legado para afondar no coñecemento da Galicia rural do século XX. A obra chega a Carballo tras un exitoso periplo por festivais internacionais, acadando recoñecementos en certames de India, Venezuela e o prestixioso OUFF de Ourense.

Encontro co autor 

A proxección, enmarcada na programación A través da lente, contará coa presenza do propio Carlos Lorenzo, que ofrecerá unha presentación previa e participará nun coloquio co público ao rematar a proxección.