O programa informático facilita a elaboración dos partes diarios supoñendo un aforro de tempo para o persoal do servizo de salvamento
O concello de Carballo vén de implantar un sistema informático que facilita os controis de calidade que se realizan a diario nas praias de Razo, Baldaio- Saíñas e Pedra do Sal, grazas aos cales conseguen renovar tanto o certificado ISO 14001 coma o EMAS (Certificado do Esquema Europeo de Ecoxestión e Auditoría), que está considerado o máis prestixioso dos implantados na UE.
Nos tres areais, que contan ademais con bandeira azul, o servizo de salvamento e socorrismo elabora partes diarios de toda actividade relacionada coa calidade, desde as atencións de botiquín ata a limpeza dos aseos, o consumo enerxético ou as reclamacións das persoas usuarias, entre outros moitos aspectos. De feito, ámbolos dous certificados europeos implican un compromiso coa prevención da contaminación, a mellora continua dos areais, a xestión de residuos e, ademais, permiten que os usuarios e usuarias poidan presentar reclamacións.
Con este novo sistema, todos eses datos son rexistrados en tablets cun programa informático específico que non só facilita a elaboración dos partes diarios, senón que supón un aforro de tempo para o persoal do servizo de salvamento e socorrismo e un aforro de papel, outro dos parámetros que se teñen en conta á hora de certificar a calidade das praias.
O sistema de xestión ambiental EMAS inclúe todas as actividades que se producen nas praias: limpeza e recollida de residuos, limpeza dos aseos e mantemento das instalacións, salvamento e socorrismo, control sanitario-ambiental das augas e baño e o ámbito da praia. Neste sentido, avalíanse aspectos como o consumo de gasóil, auga, papel ou electricidade; a xestión dos residuos, as emisións, os ruídos e os olores, a calidade das augas e da area ou a implicación do persoal, por exemplo. O obxectivo, como apunta o concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Vales, é seguir mellorando os parámetros de calidade para acadar a excelencia.
Novas relacionadas
https://quepasanacosta.gal/cabichas-xigantes-para-espantar-lixo-das-praias/
Fonte