Carballo oferta un obradoiro de carpintería de madeira para mozos de 16 a 30 anos

O obradoiro terá unha duración de seis meses, de setembro a febreiro. Imaxe: Aspaber O Centro de Formación Municipal de Carballo confirmou onte a concesión dun obradoiro de emprego, na especialidade de carpintería de madeira, para mozos de 16 a 30 anos. Os aspirantes deberán presentarse na Oficina de Emprego - situada no edificio do Forum -durante os próximos dez días, para darse de alta no Plan de Garantía Xuvenil (requisito imprescindible para aspirar a unha das prazas xunto con estar empadroado en Carballo). No prazo aproximado de dúas semanas comezará a redacción das bases que regularán o procedemento de selección de aspirantes e que se farán públicas nos medios habituais. As formación durará seis meses, do vindeiro setembro ata febreiro de 2018, tempo no que os alumnos estarán dados de alta na Seguridade Social e cobrarán o salario mínimo interprofesional. “Todos tivemos esa idade e hai un importante número de rapaces que están inscritos no Plan de Garantía Xuvenil aos que ten que chegar a formación”, explicou o director do Centro de Formación - Juan Lorenzo -. Lorenzo insistiu en que, nos vindeiros dez días, os aspirantes se acerquen á Oficina de Emprego e se inscriban no Plan de Garantía Xuvenil: “A cuestión é evitar que, dentro de quince días, cando xa estean redactadas ou boas de redactar as bases da selección, veña xente despistada; non chega con estar dado de alta no paro: hai que estar anotado no Plan de Garantía Xuvenil antes de que publiquemos as bases”. Fonte
  • Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
  • Concello de Carballo