Carballo presentará os resultados do proxecto de mobilidade urbana
A “Estratexia de mellora e xestión do espazo público urbano” que leva implantando nestes anos o Concello de Carballo, chega á súa seggunda fase. E toca render contas. O seguinte paso será un acto de participación veciñal, unha presentación pública dos resultados do diagnóstico da mobilidade urbana. A cita, aberta a toda a veciñanza (aconséllase confirmar asistencia no 981 704 700), realizarase o vindeiro venres 16 de marzo, a partir das 16 horas, na Biblioteca Rego da Balsa. Ollo que durará 4 horas.
Despois da presentación do documento recolleranse as achegas da veciñanza, que serán engadidas ao documento final de Diagnóstico participado, e ademais recolleranse as propostas de actuación orientadas a resolver problemas de mobilidade identificados no diagnóstico.
O taller dividirase en dúas partes. A primeira consistirá unha exposición informativa dos traballos realizados e os resultados acadados. Na segunda crearanse grupos de traballo sectoriais sobre aspectos concretos, como a mobilidade peonil, o transporte público, o aparcamento ou a circulación, entre outros. En cada grupo haberá unha persoa que se encargue de coordinar e tomar nota dos asuntos abordados para a súa posta en común ao remate. En definitiva, o obxectivo é identificar os problemas, elaborar propostas de solución e poñelas en común.Fonte
- Carballo.