Carballo promocionará o ecoturismo en Razo-Baldaio
En marcha está o "Plan de dinamización de Ecoturismo en Razo-Baldaio" que impulsa o Concello de Carballo. A Xunta de Goberno aprobaba o expediente de contratación para a dotación de material e favorecer o desenvolvemento das actividades de promoción do Plan, un proxecto cofinanciado polo Fondo Europeo de Pesca. O orzamento de contrata ascende a 55.309,10 euros e o prazo de execución previsto de catro meses.
Este plan para Razo-Baldaio inclúe a creación dunha ruta 2.0 polo litoral carballés, o desenvolvemento de cursos de mellora da calidade turística, a creación de códigos QR para ofrecer información sobre a ruta, a preparación de xornadas coas mariscadoras de Baldaio, a edición de audio guías, vídeos ou folletos turísticos (obrigatoriamente en galego, castelán e inglés) e a promoción dos recursos paisaxísticos e ambientais do espazo de Razo-Baldaio, entre outras moitas actuacións.
O obxectivo é que este plan poida dar os seus primeiros pasos a primeiros do verán.
Servizo de limpeza
E mentres noutras partes da bisbarra é a cidadanía a que se arma para limpar os areas, en Carballo se porá en marcha a prórroga dun ano para o contrato administrativo do servizo de "Limpeza de praias do municipio de Carballo" dende o día 2 de xuño de 2014 ao 1 de xuño de 2015. Así, unha vez cumprido o prazo inicial de adxudicación de catro anos por parte da empresa Eulen SA, mediante previo acordo das partes é posible prolongar a duración do contrato por dous anos máis mediante prórrogas anuais.
Novas relacionadas
- Senda Nova segue o roteiro do sendeirismo co programa Primavera en Ruta.
- Limpando praias e conciencias.
- Adaptando o negocios aos hábitos de consumo da poboación bergantiñá.