Carballo rende homenaxe ao escritor e xornalista Cándido González Tiradas con varios eventos

Coincidindo co 120º aniversario do seu nacemento en Carballo o 13 de novembro de 190, o Concello quere render homenaxe ao escritor e xornalista Cándido Alfonso González Tiradas. Farao cunha serie de actos que arrincan hoxe mesmo, xoves 30 de outubro no marco do FIOT. A Aula de Teatro do Concello de Carballo realizará unha lectura dramatizada de ¡Mal ollo!, comedia de ambiente mariñeiro, a obra máis coñecida do autor carballés, na que mestura o humor popular co mundo máxico galego.

A obra, premiada no Certame Castelao e publicada en Buenos Aires en 1954, está considerada un folk-drama no que conviven música, tradición e simbolismo. Os diálogos vivos, o ambiente mariñeiro e a presenza do mítico fan desta peza unha mostra singular do noso teatro. A representación comezará ás 20.00 horas no Pazo da Cultura, con entrada libre.

Os actos de lembranza do autor continuarán o mércores 12 de novembro, véspera do seu aniversario, cunha ruta guiada e teatralizada que levará ás persoas participantes desde a casa na que naceu, na rúa do Muíño, ata a rúa que leva o seu nome, na zona de Pedra Furada. O historiador Hadrián García meterase na pel de Cándido González Tiradas para desvelar os aspectos máis representativos do personaxe, e guiará un paseo urbano apto para todos os públicos. O punto de encontro será o número 9 da rúa do Muíño, ás 19.30 horas.

Ao remate, na rúa Cándido González Tiradas, situada nunha zona en expansión urbanística, será inaugurado un panel informativo cos principais datos biográficos do escritor, realizarase unha ofrenda floral e volveremos contar coa Aula de Teatro Municipal para representar un pequeno fragmento da súa obra máis coñecida. 
Se queres saber máis sobre Cándido González Tiradas, entra nesta ligazón ao Mapa Literario de Carballo.