Carballo súmase o programa de Vivendas Baleiras

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, mantivo onte unha reunión co director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García Porto, e coa secretaria xeral do mesmo, María Ángeles Domínguez, co obxectivo de coñecer o funcionamento do programa de Vivendas Baleiras posto en marcha pola Xunta en coordinación coa Federación Galega de Municipios e Provincias. O concello de Carballo solicitou xa a adhesión ao devandito convenio. Na mesma reunión tamén se explicaron as 12 medidas postas en marcha pola Xunta de Galicia para evitar ou paliar os desafiuzamentos de vivendas. O municipio poderá poñer en marcha os mecanismos de captación de vivendas baleiras para a súa inclusión no programa. Ata o momento xa son 36 os concellos de toda a comunidade, que solicitaron formalmente a adhesión ao Programa de Vivendas Baleiras, que xa formalizaron os municipios de Ourense e Redondela. Ademais, outros 20 concellos solicitaron do goberno galego información sobre o funcionamento do programa de forma previa á súa solicitude de adhesión. Alugueiro social Dito programa permitirá destinar vivendas baleiras de propiedade pública ou privada ao alugueiro social por parte de familias desfavorecidas. As vivendas que se incorporen a este programa terán aseguradas, por parte da consellería de Infraestruturas e sen custe para os propietarios, un seguro multirrisco do fogar e un seguro da garantía do cobro da renda nas mensualidades impagadas polos arrendatarios e a asistencia e defensa xurídica dos arrendadores nos procesos de desafiuzamento ou reclamacións de cantidade por impago de rendas. Poderán acollerse a este programa os concellos que asinen o acordo de adhesión anexo ao convenio coa Fegamp. Os concellos adheridos proporán a consellería de Infraestruturas a incorporación ao programa de vivendas baleiras da súa propiedade ou de terceiros, sempre que estean libres de cargas e gravames que impidan o seu arrendamento, ser conformes coa lexislación que lle sexa de aplicación, incluída a urbanística, estar desocupadas e ser susceptibles de uso, cando menos, desde o momento da solicitude de incorporación ao programa. As vivendas incorporadas ao programa serán adxudicadas aos demandantes que cumpran os requisitos establecidos no convenio. Os concellos tamén proporán o procedemento de selección de arrendatarios e de adxudicación de vivendas respectando, en todo caso, os requisitos e prioridades sinalados no convenio coa Fegamp. Fonte
  • Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
  • Instituto Galego da Vivenda e Solo