O Casino1889 coñece este mércores o activista carballés emigrado Toni de Seárez
Antonio García de Seárez (Sofán, 1947), coñecido como Toni de Seárez, é unha das voces que manteñen Galicia viva alén do mar. Emigrado a Montevideo arredor de 1978, leva décadas vinculado ao histórico programa "Sempre en Galicia", o máis antigo do mundo en lingua galega.
Desenvolveu unha ampla labor como editorialista durante dez anos en El Diario Español e como corresponsal de Bergantiños para La Voz de Galicia, sendo ademais a última persoa en entrevistar a Antón Alonso Ríos. Nos primeiros anos setenta exerceu como secretario provisional do Casino de Carballo, dentro dunha traxectoria de compromiso cultural que se estendeu ao longo da súa vida.
Entre os seus recoñecementos destaca o premio Alma Galega e a súa participación na Universidade de San Marcos (Perú), onde promoveu a lingua galega nun acto histórico. A súa voz, firme e comprometida, segue sendo hoxe unha ponte viva entre Galicia e América, exemplo dunha vida dedicada a non esquecer, a resistir e a amar a terra mesmo na distancia.
Visita ao alcalde e conversa no Casino.
Esta mañá de martes foi recibido polo alcalde de Carballo, Daniel Pérez. Malia que a súa vida está plenamente asentada no país suramericano, a súa vinculación emocional segue intacta: "Todos os días me acordo de Carballo, de Galicia e de Bergantiños, pero vir, non. Estou moi cómodo alí", explicou.
Esta frase resume décadas dunha vida, na que, como el mesmo ten recoñecido, os seus soños aínda transcorren en Galicia. O alcalde quixo responder a esa fidelidade reafirmando os lazos da vila coa súa diáspora: "Esta é a túa casa, e terás as portas abertas sempre que queiras", sinalou.
Ao peche do encontro, Daniel Pérez fíxolle entrega de varios detalles cargados de simbolismo para que viaxen de volta ao Uruguai: libros sobre Carballo; copias da Sinfonía Bergantiños, que sen dúbida soará na radio uruguaia; un pisapapeis co skyline da vila e unha bolsa co lema Carballo levámolo dentro, unha frase que, no caso de Toni, cobra un sentido literal tras case medio século no exterior.
Para coñecelo de primeira man, haberá unha conversa aberta no Casino de Carballo, este mércores 15 ás 19:30 horas.