A choiva non impediu que Berocasión rexistrase un ano de récord

A pesar da choiva caída esta pasada fin de semana en Carballo, a edición 2025 de Berocasión pechou cun balance histórico que consolida a feira como referente do sector do vehículo de ocasión en Galicia.

En tres días formalizáronse 114 operacións de venda, un 60 % máis ca no ano 2024, sendo a edición máis exitosa da súa traxectoria recente, tanto en vendas como en participación, e reforza o papel de Carballo como zona estratéxica para o comercio do automóbil. 

O espazo feiral ampliouse, incorporando a zona da Biblioteca Rego da Balsa, o que permitiu mellorar a capacidade expositiva e dar resposta ao crecemento de participación, pasando ademais de 340 coches . Neste sentido, 18 concesionarios estiveron presentes, fronte aos 13 do ano anterior, marcando un novo máximo histórico de expositores.

O prezo medio dos vehículos vendidos situouse arredor dos 18.000 euros, o que se traduce nun volume de facturación superior aos 2 millóns de euros. Este resultado acadouse en apenas tres xornadas e con parte das operacións realizadas con compradores de fóra da provincia, evidenciando o peso crecente da feira no mercado galego.

 

carbacarb