Ciencia, patrimonio e arte urbana maridarán no Encontro Pintero de Carballo
23 de maio de 2026 (11:13 h.)
Carballo albergará o II Encuentro Pintero, un evento de carácter estatal que reunirá do 29 ao 31 de maio a unha representación dos equipos de persoas voluntarias que fan posible o festival de divulgación científica Pint of Science en case 120 localidades de toda España. O obxectivo destas xornadas é poñer en común os resultados da edición deste ano, estreitar lazos entre as sedes.
O II Encuentro Pintero conta co patrocinio do Concello de Carballo e da Unión Europea, a través do proxecto TALK0, e a colaboración das Escolas de Balonmán Xiria para a recollida dos asistentes que cheguen aos polos de transporte da Coruña e Santiago de Compostela.
O programa de actividades combina as sesións de traballo técnico coa posta en valor do territorio:
- Venres 29 de maio: a fin de semana comezará cunha inmersión na tradición local a través dunha visita guiada ao curtidoiro tradicional de Sofán (17:00 h), seguida dunha sesión de networking e tapeo na Tasca Loirasa.
- Sábado 30 de maio: O prato forte institucional terá lugar no emblemático Pazo de Vilar de Francos (Artes). Ás 10:00 h iniciarase a reunión oficial dos equipos de Pint of Science para avaliar o festival, seguida dun xantar de convivencia no propio recinto. Pola tarde (18:00 h), os divulgadores realizarán unha visita guiada ao festival de arte urbana Rexenera Fest, onde poderán charlar e interactuar cos artistas da edición 2026 para coñecer as súas técnicas e creacións. A xornada pechará ás 22:00 h cunha Verbena Pintera na Praza do Concello, amenizada polo Dúo Veneguay.
- Domingo 31 de maio: O encontro despedirá a fin de semana na costa, cun almorzo en Razo ás 10:00 h, seguido dunha visita á tradicional feira dominical de Carballo e outros lugares de interese da localidade.