O cinema, a maxia e a Praza dos Libros volven a Carballo este verán

Hoxe empeza o Verán Cultural do Concello de Carballo co habitual programa de cinema que leva películas para todos os públicos a todos os recunchos do municipio. Pero esta semana trae moito máis, cunha Praza dos Libros que encherá de creatividade cultural o Xardín Municipal entre o 10 e 0 13 de xullo e tamén coa actuación do Mago Antón, que celebra 50 anos sobre os escenarios o día 11.

Como cada verán, o cinema ao aire libre forma parte importante da programación cultural do municipio. Neste caso, co ciclo Noites de cine que inclúe proxeccións de películas os mércores e xoves en diferentes espazos do concello, tanto no casco urbano coma nas parroquias e tamén nas praias. De feito, o ciclo comeza na praia de Razo coa proxección de +Cuñados, unha comedia con actores galegos como Xosé Touriñán, Miguel de Lira ou Iolanda Muíños. A proxección comeza ás 22.30 horas e a película está recomendada para maiores de 12 anos.

Xa mañá xoves o programa segue coa Praza dos Libros. Un ano máis o Xardín Municipal converterase no epicentro do fomento da lectura con presentacións literarias, actividades de achegamento para os máis cativos e cativas, encontros con autoras e autores e tamén sinaturas de libros. Durará até o domingo 13 de xullo e conta coa colaboración da Fundación Luís Calvo Sanz. Cada día o horario de apertura desta feira da creatividade cultural é de 11.00 a 14.00 e de 18.00 a 22.00 horas, coa presenza de oito librarías que ofrecerán un 10% de desconto en cada compra. Son as seguintes:

  • Á lus do candil (Arteixo)
  • Brañas Verdes (Carballo)
  • Trasgo (Carballo)
  • Teldy (Carballo)
  • Clarión (Carballo)
  • Espiral Maior Foro (Carballo)
  • A gata tola (Santiago)
  • Espazo Lector Nobel (Carballo)

 

Ademais, está previsto repartir centos de premios polas compras a través de rascas (libros, mochilas, bolígrafos, pendrives coa gravación da Sinfonía Bergantiños, bolsas de tea… ) e o xoves 10 e o domingo 13 pola mañá a PLIC! convivirá coa feira tradicional de Carballo, coa venda dos mellores produtos de tempada. Eses días pola compra dun libro os e as asistentes recibirán un paquete de Conservas Calvo (o xoves) e un molete de pan de Carballo (o domingo).

Pola Praza dos Libros pasarán este ano autores e autoras coma Marilar Aleixandre, pregoeira desta edición; e outros autores ben coñecidos e coñecidas como Pedro Feijoo, Xabier Queipo, Rober Cagiao, Víctor Cebey, Marta Villar, Carlos Rego, Fernando Cabeza Quiles, Suso de Toro, Xosé Manuel e Icía Varela, Héctor Pose, Txema García, Alejandro Otero Jamardo, Marta Seoane, Laura Tova, Carmen V. Valiña, Xosé Antonio Andrade, Raúl Herrera, Arantza Portabales e Ramón Vilar Landeira. Un completo programa con música para todos os públicos, obradoiros e moito máis.
 

E nesta mesma fin de semana, o venres 11 de xuño, a Praza do Concello acolle o espectáculo do Mago Antón 50 (1975-2025), dirixido a público e infantil e familiar. No “Magomóbil” e percorrendo os concellos de Galicia, o coñecido Mago Antón celebra 50 anos de maxia. 50 anos explorando os límites do imposible. 50 anos sobre os escenarios cun espectáculo que reúne as súas mellores interpretacións e novas ilusións nunca antes vistas. 50 (1975-2025) significa mellora, crecemento, liberdade e felicidade. É a culminación de algo e o comezo dunha nova etapa. Haberá catro sesións ao longo de todo o día: 13.00, 17.00, 18.30 e 20.00 h. A capacidade está limitada á 70 espectadores por función. As entradas necesitan reserva previa, de balde, na Billeteira do Concello. Colabora coa cita a Deputación da Coruña.