A compañía carballesa Galeatro une teatro e patrimonio co seu proxecto "Os muíños no camiño"
- A estrea será este vindeiro 21 de agosto nos Muíños, Muxía.
Galeatro lanzará no mes de agosto o seu proxecto "Os muíños no camiño", unha iniciativa que mestura as artes escénicas, a divulgación a través das redes sociais e mais o patrimonio. A compañía teatral carballesa conta co apoio da Xunta de Galicia a través de O teu Xacobeo, programa que se enmarca na estratexia de Turismo de Galicia e no Plan Director dos Camiños de Santiago 2022-2027 co obxectivo de favorecer a participación da sociedade na organización de actividades vencelladas
ao Xacobeo. O proxecto tamén conta coa colaboración dos concellos de Muxía, Vilasantar e Miño.
Galeatro aposta neste proxecto por difundir o valor histórico deste tipo de edificacións fundamentais para comprender o devir da sociedade galega. Existen, ademais, ao longo dos diferentes itinerarios xacobeos un gran número de muíños que chaman a atención pola súa beleza, polo lugar onde se atopan e pola maxia que irradian.
Partindo destas premisas, Galeatro crea un proxecto que pivota ao redor de dous eixos. O primeiro deles consiste na creación de diferentes pílulas audiovisuais que serven, por unha banda, para dar a coñecer as orixes e a natureza deste noso patrimonio e pola outra para promocionar o evento, sobre todo entre o público mozo.
A artista multidisciplinar Carlota Mosquera será a encargada de elaboralas e nelas difundiranse os aspectos máis destacados dos tres enclaves: o muíño da Gándara en Vilasantar, o muíño de Callobre en Miño e Os Muíños en Muxía.
Tres escenarios
Nestes espazos desenvolverase a outra parte do proxecto: a vertente escénica. A compañía Galeatro transformará estes lugares en auténticos escenarios teatrais para representar a súa obra Muiñada. Interpretada por Alba Bermúdez e Tone Martínez, a obra preséntase como unha viaxe ao pasado para os nenos e nenas de hoxe. Unha viaxe que serve para coñecer de onde vimos e para non deixar morrer a memoria dos nosos avós e avoas. Muiñada une tradición, festa, música e teatro para toda a familia a través dunha historia: a de Sabela e Xacobe, que por un malentendido coas quendas coinciden no muíño de auga. Ao ver que os dous non poden moer ao mesmo tempo, comezan unha discusión na que o xogo, as lendas e a tradición farán que a cativada, pero tamén os adultos, se acheguen á historia dun espazo comunitario que foi fundamental na nosa historia: os muíños de auga.
Estrea nos Muíños
As funcións teatrais celebraranse nos seguintes días: o 21 de agosto Muiñada poderase ver a partir das 20.00 horas na Aldea Os Muíños-Zona Recreativa.. O día 22 chegaralle a quenda na Área Recreativa de O Roseo a partir das 19.00 horas e, finalmente, o proxecto despedirase no muíño de Callobre de Miño o día 28 de agosto ás 11.00 horas na Casa da Luz Ruta Muíños de Callobre.