Un concurso de lemas polo 14 de febreiro para romper co mito do amor romántico

As Concellarías de Normalización Lingüística e Igualdade, con motivo do 14 de febreiro, Día de San Valentín, propoñen un concurso singular. “Desmontando o amor romántico” pretende precisamente amosar eses mitos, esas lendas marabillosas dese amor de película que pode con todo, ese amor de parella que é indispensable para ser feliz e dar sentido á vida; ese amor posesivo; que os celos son a proba do amor; que existe a túa alma xemelga nalgún lugar do mundo…

Así, o I Concurso de Lemas “Desmontando o Amor Romántico” desenvolverase polo instagram, etiquetando a @carballomola, cunha imaxe ou un vídeo (de menos de 10 segundos)e engadindo os cancelos #desmontandoamorromántico #igualdadecarballo #normalizaciónlingüísticacarballo e #díadoamorcarballo.

Só se admitirán lemas en galego, e o prazo para participar estará aberto dende as 00.00 horas do día 2 ata as 24.00 horas do día 12 de febreiro de 2021.

Todas as persoas participantes recibirán un agasallo da campaña “eu quero a Carballo”. Entre todas as persoas participantes sortearase un xantar/cea para dúas persoas nun establecemento hostaleiro de Carballo.

O Concello de Carballo poderá utilizar os lemas en futuras campañas que contribúan a seguir avanzando cara a igualdade entre mulleres e homes.