Coñecendo a bolsa de emprego da Europa Francófona
Interesante a cita que o pasado mercores a Asociación de Irmanamento de Carballo con L´Isle-Jourdain organizaba no Fórum Carballo. Nestes tempos de paro, todo o que xire arredor do traballo é importante e de aí que máis de medio centenar de persoas se achegasen a ver esta Xornada sobre Emprego na Europa Francófona. A meirande parte dos asistentes, mozos e mozas que están rematando os seus estudos de formación profesional.
A presidenta da asociación, Ana Cancela Álvarez, iniciou a xornada facendo fincapé na gran vantaxe que supón falar unha lingua extranxeira – tanto na vida social coma no traballo – nun mundo cada vez máis globalizado. A continuación interviu Marcos Trigo Facal – Concelleiro de Cultura e Deportes de Carballo – que aplaudiu a iniciativa da Asociación. A Conselleira EURES da Coruña – Covadonga López López – explicou con detalle o funcionamento da rede Eures e doutros portais para a busca de emprego; poñendo de exemplo varias vacantes de postos de traballo de menor a maior cualificación en Bélxica, Francia, Suíza, Luxemburgo e mesmo Canadá.
Tamén houbo espazo para coñecer as ofertas laborais que chegan á bolsa de emprego de Carballo da man da intermediadora laboral do Concello, Milagros Antelo Cameán. A presidenta da Asociación de Irmanamento, subliñou que outro sector no que tamén hai oportunidades laborais e que, cada vez, está máis profesionalizado é o sector agrario. Diso é bo coñecedor Constante Lorenzo Santos, profesor do Centro de Promoción Rural EFA-Fonteboa de Coristanco, que falou das alianzas que teñen creadas, dende o seu centro, entre Galicia e Francia dándolle a portunidade aos seus alumnos de que experimenten unha vivencia única durante uns meses no país veciño. Asegurou que ademais de coñecer distintas formas de traballar consiguen acadar unha competencia lingüística na lingua francesa suficiente para desenvolverse no ámbito laboral.
As experiencias en primeira persoa contadas por Alejandra Martínez Añón, Alex Martín Fernández, Diana Baidal Morell e Ánxela Lema París, achegaron a realidade de traballar nun país extranxeiro a todas as persoas asistentes á xornada.
Fonte
- Asociación de Irmanamento de Carballo con L´Isle-Jourdain.