O Consello Parroquial de Oza, un exemplo da participación cidadá na política municipal

40 persoas participaron no Consello Parroquial de Oza
O Concello promove a creación dun sistema de orzamentos participativos
  •  

Absolutamente consolidados están os Consellos Parroquias de Carballo. Esas citas, por cada unha das 16 parroquias, para que os veciñ@s falen cara a cara cos responsables municipais das necesidades dos seus lugares. Así se puido comprobar no Consello Parroquial de Oza celebrado onte, no que máis de 40 veciñ@s participaron activamente, e que contou ademais ca presencia dos representates dos grupos municipais: Evencio Ferrero do BNG; Paula Nogueira, do PP; Mari Carmen Vila, do PSOE, e José Bello, de TeGa.

Unha veciñanza que ía coas ideas ben claras: Esixen a extensión do abastecemento de auga a todos os lugares da parroquia.
Unha necesidade básica que practicamente quedará solventada, segundo informou o alcalde Evencio Ferrero, co proxecto que está en execución nestes momentos para levar o servizo ata Razo. Ademais, de cara aos orzamentos do ano que vén está previsto incluír a ampliación ata Serantes, de onde eran boa parte dos veciños e veciñas presentes no consello, e dende ese punto ata Xoane (Goiáns). O proxecto estará listo este mesmo mes, á espera de elaborar outro para completar a parroquia co lugar de Villar de Uz.

Orzamentos participativos

A cita serviu para repasar a idea dos orzamentos participativos, e a meirande parte dos grupos propoñen un sistema mixto, seguindo os modelos destes Consellos parroquiais, recollendo as suxestións veciñais e trasladalas, na medida do posible, aos orzamentos. Algo que practicamente xa é unha realidade, pois a a pavimentación do campo da festa de Oza foi unha demanda do ano pasado que se afrontará antes do verán a través do superávit do orzamento do ano pasado.

Seguridade

A outra gran preocupación da veciñanza de Oza é a seguridade viaria na estrada Carballo-Razo, polo que van seguir pedindo modificar os pasos de peóns para alonxalos das curvas e a instalación de lombos para reducir a velocidade, así como a construción de beirarrúas.