"A Costa da Morte é sinónimo de materia prima excepcional. Necesitamos seguir transformando esa calidade de produto en marca e negocio"

Este mércores, 25 de novembro, a Fundación Juana de Vega celebrou o Demoday da XIII edición do seu Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias (PAEA). Unha xornada na que a comprometida Fundación premiou dous proxectos empresariais rurais ben singulares, como son Aloumiños da Terra (unha produtora local de Vigo e Ponteareas) e A Casa do Aceite, o museo do aceite de Quiroga.

Para falar deste evento, e da puxanza do sector, sentámonos con José Manuel Suárez Iglesias, coñecido profesionalmente como Súa, unha das figuras chave no emprendemento en Galicia. Nacido na Laracha e residente en Carballo, Súa é un profundo coñecedor das dinámicas do emprendemento agroalimentario, un factor que aplica no seu rol como director do PAEA.

​O PAEA, o Demoday e a Metodoloxía

  • P: Súa, hoxe é o colofón da XIII edición do PAEA. Para quen non o coñeza, que é exactamente este programa e que estamos a celebrar hoxe no Demoday?

O PAEA é o programa de referencia en Galicia para profesionalizar o sector agroalimentario, unha iniciativa da Fundación Juana de Vega, cliente co que colaboro estreitamente. En esencia, é un programa de emprendemento é aceleración a través da formación. Collemos ideas ou negocios con potencial e axudámolos a crecer. O Demoday é o gran escaparate. Once proxectos, divididos na modalidade Emprendemento e Crecemento e Consolidación, presentanse ante a sociedade demostrando o salto de calidade que deron ante investidores e axentes clave do sector.

  • P: No teu rol como director do PAEA, aplicas a metodoloxía da túa empresa, iuni strategic marketers. Cal é o eixo central desta visión estratéxica?

En iuni, e eu como director da área de emprendemento e aceleración, temos unha máxima moi clara: o marketing é poñer o cliente no centro de todas as decisións. Isto é fundamental no agro. Non se trata só de producir o mellor pemento ou o mellor cogomelo; trátase de entender a necesidade do consumidor e deseñar o modelo de negocio dende o inicio para satisfacela. De nada vale ter un produto excelente se non ten unha canle de venda e unha marca que conecten con ese cliente final.

  • P: Vimos a diversidade de proxectos no Demoday de hoxe. Poderías destacar tres que exemplifiquen esa variedade de enfoques?

É difícil destacar só tres! É a riqueza do programa. Por un lado, temos proxectos como Aloumiños da Terra, que pon o foco en crear unha marca de alto valor a partir dun produto único, o allo negro. Na parte de combinar a produción pura e a innovación, está Horta da Lousa, que demostra o potencial do comercio on line. E se falamos de escalabilidade nun produto de nicho, temos o caso de Lanzán Gandeiría, que se centra en consolidar e facer crecer o seu negocio gandeiro de maneira sostible, convertédose na única granxa de Ternera Gallega Suprema Ecoloxica. Todos son a proba de que en Galicia hai talento para transformar o rural.

​Da Laracha e Carballo: Compromiso co Rural

  • P: A túa vida profesional está moi ligada á aceleración, non só co PAEA, senón tamén co programa Xerme de e-commerce e en iuni. Na túa traxectoria, axudaches a máis de 500 emprendedores. Que significa para ti aplicar esa experiencia en proxectos que teñen a base no rural galego?

Eu nacín na Laracha e a miña residencia está en Carballo, Bergantiños. Coñezo de primeira man o potencial e tamén as dificultades, de emprender aquí. A miña misión é darlles a eses emprendedores ferramentas de xestión e estratexia que lles permitan competir a nivel global. O rural ademáis de produtores, necesita xestores, e aí é onde entro eu.

  • P: Ademais do PAEA, traballas coa Fundación Juana de Vega noutros proxectos de desenvolvemento rural, como ruraltxa e CAPRIF. Como se complementan estes programas?

 É unha visión 360º. Mentres o PAEA acelera empresas agroalimentarias concretas, o proxecto Ruraltxa! céntrase na bioeconomía rural e o marketing de produtos sostibles. E CAPRIF (Comunidades Activas e Paisaxes Resilientes a Incendios Forestais) busca a xestión multifuncional do monte, fomentando o emprendemento verde en sectores como a apicultura ou a micoloxía, clave para a prevención de incendios. O meu rol na Fundación é transversal: aplicamos a mesma visión estratéxica —poñer o cliente no centro— para crear empresas (PAEA), valorizar o territorio (Ruraltxa!) e xestionar o monte de forma rendible e sostible (CAPRIF). É a profesionalización de toda a cadea de valor rural.

  • P: A Costa da Morte, a túa casa, ten unha enorme tradición. Cres que estamos a aproveitar todo o potencial agroalimentario e de desenvolvemento rural da comarca, dende o Bergantiños ata Fisterra?

Temos un potencial inmenso, que a miúdo está infravalorado. A Costa da Morte é sinónimo de materia prima excepcional: dende a horta de Bergantiños ata o marisco e o peixe. Necesitamos seguir transformando esa calidade de produto en marca e negocio.

​Tivemos proxectos da Costa da Morte que pasaron por edicións anteriores do PAEA e despegaron, validando a capacidade do talento local. Casos como AR DE ARTE, CASA DA TULLA, VILLA REGINA ou LEIRA DA REGA demostran que o PAEA é unha incubadora efectiva para o talento n Costa da Morte. E fóra do paraugas da Fundación, vemos iniciativas moi interesantes que apostan polo turismo de natureza na zona de Laxe e Malpica ou proxectos que transforman antigas naves de pesca en centros de gastronomía como O Salgadoiro no Ézaro. A clave é sumar a nosa calidade intrínseca cunha estratexia de marketing moderna. Se o facemos, o sector agroalimentario da Costa da Morte será o motor económico que merece ser.

  • P: O programa PAEA remata hoxe a súa XIII edición, sen embargo a Fundación Juana de Vega xa prepara a XIV. Que lles dirías aos emprendedores e empresas da Costa da Morte que estean pensando en participar?

Que se atrevan. Se tes unha idea ligada ao agro, á pesca, ao produto local de calidade ou á transformación rural, o PAEA é a túa oportunidade. O programa ofréceche a mentorización e a estratexia necesarias para que a túa idea se converta nunha empresa sólida e cun modelo de negocio centrado no cliente. Anímovos a visitar a páxina da Fundación para informarse sobre a XIV edición onde xa está aberto o prazo de inscrición. Estamos nun bo momento e o futuro do agro galego está aqui. A Costa da Morte debe participar nese movemento. https://programadeapoyo.juanadevega.org/es/