Curruncho Cuir: Carballo celebra unha xornada festiva de arte, corpo e diversidade

 

O Curruncho Cuir (@https://www.instagram.com/ocurrunchocuir/) é un colectivo LGBTIQA+ que nace en 2024 co desexo de crear un espazo seguro en Carballo para a diversidade e as disidencias, e reivindicar o espazo público e colectivo como propio. Unha comunidade para compartir e celebrar as distintas identidades en Bergantiños.

Dende a súa creación ten organizado distintas actividades no Casino1889: xuntanzas, mesas coloquio ou festas arredor do Orgullo, mais este sábado 6 de xuño será o seu primeiro gran evento co patrocinio da Sala A Reserva e a colaboración doutras entidades Galería de Manolo Eirín, Estudo Garabato, Casino 1889, A Reserva e O Patacón.

A proposta articúlase arredor de diferentes actividades artísticas e participativas, que transforman distintos espazos nun percorrido vivo onde a arte, o corpo e a palabra se mesturan como formas de expresión e liberdade.

A programación comeza ás 12:00h na Galería de Manolo Eirín, onde a inauguración da exposición “Ingredientes” se converterá nunha “cata erótica”: unha visita acompañada de cócteles afrodisíacos, picoteo e un ambiente pensado para gozar sen normas ríxidas. Trátase dun espazo de encontro entre público, artistas e obra, onde o pracer, a conversa e a curiosidade funcionan como linguaxe común.

Ás 13:30h, no Estudo Garabato con Mon Lendoiro, terá lugar a exposición colectiva “Sen permiso: palabra e corpo”, unha proposta que une arte e texto para visibilizar as diversidades afectivas, sexuais e identitarias. A través de pintura, ilustración, fotografía e poesía, diferentes artistas exploran as disidencias e cuestionan os prexuízos sociais. A mostra entende a arte como espazo de liberdade, resistencia e memoria colectiva, onde escribir tamén é unha forma de existir e defender dereitos.

Dentro desta mesma xornada ás 18:00h no Casino 1889, da man de Xanhe “O Rabelo”, desenvolverase tamén un Obradoiro de regueifa contra a LGBTIfobia, propoñendo a tradición oral como ferramenta de expresión crítica e humorística fronte ás violencias sociais, cun posterior picoteo comunitario e Karaoke diverso. 

A programación complétase: a partir das 23:00h, coa actuación de Saia Santa na sala A Reserva; e, a partir das 24:00h, na Taberna O Patacón cunha pinchada de música diversa pensada para seguir nun ambiente festivo e inclusivo.