Denuncian unha nova agresión no centro de saúde de Carballo
Segue sen resolverse o tema da seguridade dos profesionais dos centros sanitarios. Desta volta, a Xunta de Persoal da Área Sanitaria da Coruña–Cee quere denunciar publicamente un novo episodio de violencia contra profesionais, acontecido esta vez no centro de saúde de Carballo.
Un erro informático no sistema de devolución de chamadas provocou que un usuario acudise ao centro e acabase agredindo ás profesionais de servizos xerais (PSX), situadas na entrada da instalación.
Este novo suceso súmase á preocupante escalada de agresións que veñen denunciando reiteradamente os sanitarios, e que amosa a falta de protección das/os profesionais da área. A ausencia de persoal de seguridade nos centros deixa a traballadoras e traballadores en situación de
inseguridade constante.
No caso concreto do centro de saúde de Carballo, pola cantidade de poboación que abrangue, a súa distancia respecto da cidade e polas súas propias características organizativas, resulta imprescindible a incorporación inmediata dunha/dun profesional de seguridade que garanta a protección do persoal.
Do mesmo xeito, levan tempo demandando a implantación de dispositivos de aviso inmediato, que non se limiten aos ordenadores, para que cando unha agresión estea a piques de producirse a/o profesional poida alertar ao resto do persoal. A Xerencia leva meses anunciando estudos sobre estes mecanismos, pero sen adoptar medidas efectivas.
Desde a Xunta de Persoal da Área Sanitaria da Coruña–Cee aseguran que seguirán denunciando cada agresión que sufran as/os profesionais e esixindo á Xerencia a adopción urxente de medidas reais de protección, para garantir un entorno laboral seguro e digno.
A Xunta de Persoal concentrarase este xoves 25 de setembro diante do centro de saúde ás 12 horas.