Denuncian que a DIA da Variante de Carballo agoha unha planta en perigo crítico de extinción

Euphorbia uliginosa

A Asociación Ecoloxista ADEGA vén de denunciar que o Informe de Impacto Ambiental (IIA) favorable da  Avaliación de Impacto Ambiental (AIA) simplificada do trazado da Variante de Carballo, agocha a presenza dunha poboación de Euphorbia uliginosa Welw. ex Boiss. (leiteiriña das brañas). O trazado, aprobado recentemente no Consello da Xunta, obviando este feito. "É o que acontece cando a avaliación ambiental se converte nun mero (e molesto) trámite, con escasa profundidade e rigor", denuncia a entidade.

 

I é que, segundo ADEGA, "na autorización ambiental non había ningunha referencia á posíbel presenza de flora ameazada, particularmente de Euphorbia uliginosa, especie incluída no Catálogo Galego de Especies Ameazadas (CGEA) coa categoría “En perigo de extinción”, e considerada pola IUCN como “En perigo crítico”, código CR B2ab(ii,iii,iv,v): En Perigro Crítico; distribución xeográfica reducida; área de ocupación menor a 10 km2; poboación fragmentada ou extremadamente recluída; diminución continua da área de ocupación, da calidade do hábitat, e das localidades e individuos maduros. Trátase, pois, dunha das plantas máis ameazadas da flora europea", aseguran.

Durante o período de consulta pública da obra, diversas alegacións sinalaron a posíbel presenza de especies ameazadas, nomeadamente de Euphorbia uliginosa na zona das obras, xa que no polígono de Bértoa situado ao N da conexión coa variante, reside un dos núcleos máis importantes desta especie a nivel mundial. A Xunta (Axencia Galega de Infraestruturas) despachounas indicando que o proxecto xa foi obxecto dun Informe Ambiental favorábel que non considerou efectos adversos sobre o medio ambiente.

    

O pasado mes de xullo, persoal de ADEGA visitou diversos lugares próximos ao trazado da variante para realizar prospeccións de campo en busca de hábitats favorábeis para a E. uliginosa e outras especies protexidas. Como resultado, atopouse unha nova poboación de Euphorbia uliginosa afectada directamente polas obras. Nese mesmo punto apareceu tamén a gramínea ameazada Agrostis (=Linkagrostis) juresii Link, considerada “Vulnerábel” no CGEA. A principal ameaza para estas dúas especies protexidas é a transformación dos seus hábitats (zonas húmidas sobre substratos básicos), xusto nos que a obra impacta de pleno.