A Deputación axuda a financiar a Unidade de Condutas Aditivas de Carballo, que segue sen estar integrada no Sergas
A Unidade de Condutas Aditivas de Carballo segue sen estar integrada no SERGAS, como lle acontece a outros centros da provincia, e como lamentaba Marta Bovadilla, Coordinadora do ACLAD da Coruña. No caso da UCA carballesa, é dependente do Concello de Carballo, que ten que andar buscando financiamento para este servizo sanitario básico.
É o caso da Deputación da Coruña, que contribúe con 30.000 euros ao mantemento dunha unidade, que presta servizo aos concellos das comarcas de Bergantiños e Costa da Morte, e que atendeu o ano pasado a 484 persoas, axudándoas a a abandonar os hábitos tóxicos, dende as drogodependencias ao consumo de alcohol ou tabaco.
Ademáis de Carballo, a UAD da servizo a Camariñas, Fisterra, Malpica, Cee, Laracha, Muxía, Ponteceso, Coristanco, Laxe, Cabana, Vimianzo, Zas, Corcubión e Dumbría.
A Unidade de Condutas Aditivas de Carballo ofrece servizos de tratamento e prevención de consumo de drogas e alcohol, programa de incorporación social personalizada, actividades de coordinación con outros servizos sanitarios e sociais coma centros de saúde da comarca, centros penitenciarios ou o servizo de Psiquiatría do CHUAC.
No seu cadro de persoal conta con médico, enfermeira, psicóloga, traballadora social e persoal administrativo para prestar unha atención integral aos usuarios e usuarias, tanto no eido médico coma no psicolóxico e social.
Máis información