Desmantelada unha rede estatal de ciberfraude tras unha estafa en Carballo
Foi unha estafa, de 4.100€, realizada a unha persoa que estaba de vacacións en Carballo, a que marcou o camiño ao Equipo @Coruña da Garda Civil para desmantar unha rede criminal dedicada á ciberfraude.
A investigación comezou despois de que unha muller denunciase que, durante as súas vacacións, recibiu múltiples notificacións de cargos fraudulentos na súa tarxeta bancaria. En total, realizáronse 59 cargos non autorizados, por un total de máis de 4.100 €. Grazas á súa rápida reacción, cancelou a tarxeta, evitando maiores danos económicos.
O Equipo @Coruña, tras unha exhaustiva busca dixital, determinou que os estafadores empregaran técnicas de phishing para introducir software malicioso no teléfono móbil da vítima. Este software malicioso permitiu aos delincuentes roubar os datos das súas tarxetas bancarias, que logo vendían en canles de mensaxería privada. Os compradores desta información ilícita crearon contas de clientes falsas en diversas tendas en liña para adquirir produtos e pagar servizos, cargando os importes na tarxeta da vítima.
A rápida actuación dos axentes do Posto da Garda Civil de Carballo, xunto co traballo do Equipo @Coruña, permitiulles recuperar parte do diñeiro roubado.
Aínda que a operación identificou a varios dos implicados, a investigación segue aberta para localizar a todos os responsables dos cargos. Con todo, xa hai implicados en Almería, Barcelona, Guadalaxara, Castelló, Valencia e Zaragoza.
Consellos de seguridade da Garda Civil para previr ciberestafas
A normalización das compras e transaccións en liña converteu internet nun terreo fértil para os ciberdelincuentes. A Garda Civil aconsella aos cidadáns que extremen as precaucións e sigan estas recomendacións para protexerse:
- Comproba as ligazóns: se recibes un correo electrónico ou SMS cunha ligazón, non fagas clic nela. Accede sempre ao sitio web ou á aplicación do teu banco escribindo o enderezo directamente no teu navegador ou usando a aplicación oficial.
- Desconfía das mensaxes inesperadas: ten especial coidado cos correos electrónicos ou mensaxes de remitentes descoñecidos, especialmente se solicitan información persoal ou bancaria.
- Protexe a túa información bancaria: o teu banco nunca che enviará un correo electrónico con ligazóns para acceder á túa conta ou anexos. Se recibes unha mensaxe deste tipo, trátase dunha estafa.
- Ten coidado cos anexos: Non descargues anexos de correos electrónicos, WhatsApp, SMS ou redes sociais, mesmo se proveñen de contactos coñecidos. Poderían conter software malicioso deseñado para roubar os teus datos.
- Mantente ao día coa túa seguridade: Mantén sempre o teu software antivirus activo e actualizado en todos os teus dispositivos (teléfonos móbiles, tabletas e ordenadores).
- Actúa inmediatamente se sospeitas dunha estafa: Se cres que accedeches a unha ligazón fraudulenta ou tes un virus instalado, formata o teu dispositivo ou acude a un centro especializado para que o fagan de forma segura.