O documental "1846 – Revolución Galega" estréase este martes en Carballo

Caramés e Manuel Gago

A Fundación Galiza Sempre estrea o martes 2 de xuño, nas Escolas do Xardín Agra de Caldas de Carballo o documentario 1846 – Revolución Galega, dirixido por César Caramês.

O filme documental sobre a Revolución Galega de 1846 estrearase en Carballo este martes 2 nunha sesión especial ás 20:00 nas Escolas do Xardín Agra de Caldas grazas á colaboración da Asociación Cultural Lumieira co gallo do 180 aniversario da revolución. Alén da proxección do audiovisual, contará cun coloquio co director e estudoso da revolución, César Caramês.

1846 – Revolución Galega, é o resultado de anos de traballo de investigación do profesor de lingua   literatura galega de Moraña, César Caramês, para recuperar do ostracismo un dos episodios máis importantes da historia contemporánea de Galiza. A Fundación Galiza Sempre xa ten traballado nos últimos anos co obxectivo de desterrar do esquecemento esta parte tan importante da nosa historia.
Fixoo en 2021, coa publicación do primeiro monográfico dentro da colección Efemérides da Galiza, co gallo do 175 aniversario dos Mártires de Carral, autoría do finado Xusto Beramendi. Un ano despois, editou a segunda co gallo do 200 aniversario da morte de Antolín Faraldo da man de Henrique del Río. E agora, aproveitando o 180 aniversario, publicou unha dedicada específicamente á Revolución Galega, da autoría de Caramês.

O documentario conta con un amplo elenco de 17 especialistas para contrastar a interpretación dos feitos e contexto desde diferentes puntos de vista: economía, literatura, antropoloxía, política, xénero, socioloxía, relixión e, por suposto historia contemporánea. Así, podemos atopar a Carlos Callón, Ascensión Cambrón, Camilo J. Cortizo, Uxío Breogán Diéguez- Cequiel, Isidro Dubert, Eliseo Fernández, Manuel Gago, Xurxo Martínez, Francisco Prieto, Juan Renales, Henrique del Río, Francisco Rodríguez, Antom Santos, Goretti Sanmartín, Iria Taibo, Marga do Val e a X. Ramón Veiga.