Domingo de feirón, festas de Chorís e Bercamel en Carballo
Vén completa a festa da Pilarica por Carballo, pois únense as festas do barrio de Chorís, coa feira do primeiro domingo de mes e o Bercamel, a feira de referencia no sector da apicultura galega.
A feira do mel está organizada un ano máis pola Asociación Galega de Apicultores coa colaboración da Concellaría de Feiras e Mercados. Segundo explica o delegado de AGA na comarca, o carballés Víctor Tasende, desde as 09.00 ata as 14.30 horas, todas as persoas que se acheguen ata os postos de Bercamel descubrirán un amplo abano de produtos elaborados con mel, e este ano, ademais, poderán saborealos, porque haberá dúas catas de meles galegos ás 11.30 e ás 13.15 horas.
Como xa vén sendo habitual, entre todas as persoas que adquiran mel e produtos derivados sortearanse dúas cestas.