Duplícanse as solicitudes de instalacións fotovoltaicas para autoconsumo

Instalación fotovoltaica de Placasa no polígono carballés

As cifras aínda son cativas, pero a demanda sobe con velocidade. Os altos prezos da enerxía fai que moitas empresas e familias aposten pola enerxía solar. E así o comproba o Concello de Carballo, que fai balance das solicitudes de instalación fotovoltaicas para autoconsumo nos últimos anos.

De feito, e como pasou en todo o estado, no 2022 practicamente se duplicou a potencia instalada en Carballo. O Concello pasou de recibir 8 solicitudes en 2021 ás 19 peticións durante o pasado 2022.

Dos 27 expedientes tramitados na oficina técnica municipal nestes dous anos, 14 corresponden a vivendas situadas nas parroquias de Artes, Sofán, Goiáns, Verdillo, Cances, Carballo, Bértoa (3), Entrecruces, Oza, Rus, Noicela e Rebordelos.
O resto das solicitudes son de empresas de todo tipo, a maioría situadas no polígono industrial de Bértoa, pero tamén hai unha granxa en Rus, unha canteira en Cances, unha estación de servizo ou un establecemento de hostalaría en Carballo.

A tendencia continúa medrando, e neste 2023 Carballo xa recibiu a primeira solicitud.

España é a día de hoxe a 2ª potencia europea e 8ª do mundo en produción de enerxía solar.