Espiral Maior Foro acolle unha sesión de filosofía con Martínez Quintanar
24 de abril de 2026 (07:49 h.)
Nova presentación literaria no Espiral Maior Foro. Hoxe venres, día 24 de abril, ás 20:00 h., terá lugar en Espiral Maior Foro (Rúa do Sol, 34) a presentación do libro “Saber o real. Pezas de filosofía”, do que é autor o filósofo e profesor Miguel Ángel Martínez Quintanar.
Participarán no acto, ademais do autor, a poeta, escritora e profesora Rosalía Fernández Rial, o profesor da USC e filósofo Luís G. Soto e o escritor e director de Edicións Espiral Maior Miguel Anxo Fernán Vello.
“Saber o real. Pezas de filosofía” é unha reflexión sobre a vida na sociedade occidental contemporánea e a súa realidade problemática, e culmina unha triloxía formada polos títulos “Ser expósito. Formas do humano nas sociedades avanzadas” (2015) e “Cidadanías. Lecturas e meditacións de filosofía política” (2019).
Na actualidade, Martínez Quintanar, doutor en Filosofía e profesor asociado da USC, está considerado como unha das voces filosóficas galegas máis importantes das últimas décadas.