Espiral Maior Foro acolle un Simposio sobre os Suevos

O sábado, 19 de xullo, a partir das 10 da mañá, terá lugar en Espiral Maior Foro (Rúa do Sol, 34) a celebración dun simposio, en horario de mañá e tarde, titulado “Os suevos da beira atlántica (In extrema parte Gallaeciae)”, destinado a estudar a presenza e a pegada cultural e histórica dos suevos no antigo territorio da Gallaecia. No simposio participarán sete especialistas e investigadores deste tempo da historia de Galicia que resulta extremadamente descoñecido para unha ampla maioría do pobo galego.

Participarán no encontro con relatorios propios o catedrático e ensaísta da USC Fernando Alonso Romero; o investigador e escritor Fernando Cabeza Quiles; a filóloga e experta en arqueotoponimia Dolores González de la Peña; o experto en promoción cultural e turística Manuel Pan Collazo; o profesor e investigador Xavier Canosa; o historiador e escritor José Manuel Barbosa, e o xurista e escritor Xosé Antonio Andrade.
A asistencia ao Simposio é pública e libre até completar o aforo.