Espiral Maior Foro celebra unha homenaxe en memoria de Fernando Cabeza Quiles

Este sábado 20 de xuño, ás 11:30 h., Espiral Maior Foro vivirá un acto moi especial. Porque Fernando Cabeza Quiles, máxima autoridade na toponimia do noso país, recoñecido internacionalmente, deixa un legado cultural, académico e literario que Carballo, Bergantiños e Galicia enteira deben poñer en valor e potenciar como unha realidade transcendente na sociedade do noso tempo.

Pero tamén porque Fernando Cabeza Quiles era un activo participante na liña de acción cultural que o espazo mantén en Carballo, sendo membro fundamental do Seminario de Estudos sobre Pondal, do Seminario “Arredor de si, arredor de nós” sobre Ramón Otero Pedrayo, así como do Clube de Lectura que mantén vixente dende hai anos a ‘casa aberta cultural’ da Rúa do Sol carballesa. 

Por todo iso, e baixo o título “O sabio de nós”, Miguel Anxo Fernán Vello e o seu equipo organiza un acto de memoria e homenaxe pública ao escritor, profesor e investigador recentemente falecido Fernando Cabeza Quiles.

Participarán no acto o escritor e avogado Xosé Antonio Andrade, a mestra e filóloga Lucinda Andrade Cives, a profesora e escritora Tareixa Roca, o sociólogo e crítico teatral Santiago Pazos, o escritor Fernando Cabeza Pereira, fillo do homenaxeado, e o escritor e director de Espiral Maior Foro Miguel Anxo Fernán Vello,

No evento haberá unha exposición de todos os libros publicados por Cabeza Quiles ao longo de máis de 30 anos, e realizarase unha lectura pública de fragmentos da súa última obra publicada, “Defuntos e santos inocentes”

    

Recital de Modesto

Un día antes, o venres 19 de xuño, ás 20:00 h., o espazo carballés acolle un recital antolóxico do poeta fisterrán Modesto Fraga, no que o autor incluirá unha selección da súa obra poética, da que se van cumprir 30 anos dende o seu primeiro libro publicado. Presentarán o acto Miguel Anxo Fernán Vello e Santiago Pazos.