Exitosa formación dixital en Carballo para os comercios do CCA

Lucía Ortega Rodríguez formando

O Centro Comercial Aberto de Carballo continúa apostando pola formación e a modernización do comercio local coa posta en marcha dun novo curso dirixido aos seus asociados centrado no uso profesional das redes sociais como ferramenta de promoción e comunicación. 
Desde o CCA Carballo destacan a importancia de seguir impulsando iniciativas que axuden ao pequeno comercio a adaptarse aos novos hábitos de consumo e ás canles de comunicación actuais, reforzando así a competitividade e a proximidade do tecido comercial local

Baixo o título “Redes sociais para comercios locais”, este 19 arrincará a última quenda desta acción formativa pensada para comerciantes e pequenos negocios que xa teñen presenza nas plataformas dixitais, pero que buscan mellorar resultados, aumentar a súa visibilidade e comunicar dunha maneira máis profesional, atractiva e eficaz.

O curso conta con dous relatores especializados no ámbito do marketing e da comunicación audiovisual. Por unha banda, Lucía Ortega Rodríguez, consultora de marketing dixital e cofundadora de Ortega & Lodeiro, responsable de achegar os seus coñecementos en estratexia de marca, posicionamento e xestión de redes sociais.

Pola outra, Domingo D. Docampo, director de SocialDocs e Mobilcinema, que comparte a súa experiencia en publicidade, creatividade e
produción audiovisual aplicada ao comercio. Ao longo das sesións, os/as participantes traballan cuestións prácticas e directamente aplicables ao día a día dos negocios, como a creación de marca, a xeración de contidos, o uso de ferramentas e aplicacións para edición de vídeo, así como técnicas básicas para optimizar perfís sociais e mellorar a comunicación co público.

Domingo D. Docampo formando CCA Carballo


Debido ao elevado número de asistentes (máis de 40 persoas e 33 comercios), o CCA Carballo organizou tres quendas de formación para un mellor aproveitamento das sesións, de carácter maioritariamente práctico, que deron comezo o pasado 21 de abril e finalizarán o 27 de maio. As clases están a ter lugar na Sala Cervantes do Mercado Munciipal todos os martes e mércores, de 21 a 23 horas.