A familia de Manuel Facal doa 200 obras do artista ao concello de Carballo

"Humilde pero sentida" a homenaxe que o Concello de Carballo brindou ao artista Manuel Facal. Membros da corporación e a familia do artista carballés estrearon unha placa no edificio no que viviu, situado na esquina das rúas Desiderio Varela e Coruña, simbólico por ser un dos máis altos da vila e o primeiro con ascensor. 

O rexedor destacou a talla artística, pero tamén a humana, deste “pintor, gravador e escultor de talla mundial, artista total, inquieto e vangardista, viaxeiro... pero que, fose onde fose, sempre levou Carballo na cabeza e no corazón”. A súa sobriña Eva Facal sinalou que foi “un dos artistas galegos máis renovadores do último medio século” e lembrou coa súa obra, que forma parte das coleccións permanentes dalgúns dos principais museos do mundo, situou Carballo no mapa internacional da creación artística. 

Doazón

Eva Facal e Alejandra Marquete asinando, xunto ao alcalde, a cesión de 200 obras de Manuel Facal ao Concello de Carballo

A familia vén de confirmar a doazón de duascentas obras de Facal ao patrimonio municipal. Pinturas, libros de autor, esculturas e gravados, a técnica pola que foi mundialmente coñecido. Un deses gravados, titulado Sisarga, ocupa desde este sábado un lugar privilexiado no despacho de Daniel Pérez, e ao seu carón asinouse o acordo de cesión desas case duascentas obras. “Adquirimos non só unhas obras de inmensa calidade, senón tamén o compromiso de conservalas, contextualizalas e poñelas en valor para cumprir o desexo de Manuel de que a súa obra pertencese ao pobo de Carballo”, dixo o alcalde.

 

As sobriñas de Manuel Facal que asinaron o documento, Eva Facal e Alejandra Mareque, agradeceron o apoio do Concello de Carballo e de dúas persoas que foron clave neste proceso, Xaime Díaz e José Antonio Viña.