Galiza Nova Bergantiños abre este domingo con exposicións a Semana da Patria

Galiza Nova de Bergantiños quenta motores de cara ao vindeiro 25 de xullo coa exposición “Artivismo en Castelao”, unha reflexión colectiva que pretende trascender á visión que tradicionalmente se ten do mítico galeguista.

O domingo 13 de xullo ás 11:30 na parte alta do xardín municipal inaugurarase a mostra coa intervención da nova responsable comarcal da organización, Carolina Pacoret.

As actividades continúan o luns 14 nun dos locais laterais do Mercado municipal, onde a artista local Isa Bermúdez impartirá un obradoiro artístico de 12 a 13:30: Pinta o teu parche con motivo do día da patria. A participación é de balde e non é preciso inscribirse previamente.

Finalmente, na Praza do Concello, despregarase o día 18 de xullo a partir das 22:00 unha gran bandeira galega nun acto que pretende visibilizar o compromiso da mocidade bergantiñá coa defensa da terra e do idioma.