Gran interese do empresariado carballés na charla sobre ciberseguridade de Axober

Charla ciberseguridade Axober

A Asociación Xóvenes Empresarios de Bergantiños (AXOBER) celebrou esta semana no Fórum de Carballo unha xornada sobre ciberseguridade nas pemes, que tivo unha excelente acollida por parte do público asistente, maioritariamente composto por empresarios e profesionais autónomos da comarca.

O evento contou coa participación de tres referentes en materia de ciberseguridade:

  • Alberto González, xefe do Equipo de Prevención e Resposta en materia de Ciberdelincuencia da Garda Civil da Coruña.
  • Martín González, responsable de comunicación da empresa tecnolóxica Cloud.gal.
  • Víctor Salgado, avogado especialista en dereito dixital e protección de datos.

Durante a sesión, abordáronse cuestións prácticas sobre como detectar e previr ciberataques nas empresas, os riscos xurídicos derivados da falta de medidas de protección, e os tipos de ameazas máis comúns como o phishing, ransomware, ou a suplantación de identidade.

A xornada foi especialmente valorada pola súa orientación práctica, xa que os poñentes responderon a numerosas preguntas do público e analizaron casos reais que lles acontecen no día a día aos empresarios, achegando recomendacións para mellorar a seguridade dixital das pemes.

Desde AXOBER destacan que esta actividade forma parte do seu compromiso por dotar ás empresas asociadas de ferramentas útiles para afrontar os retos do presente e o futuro: “Queremos que a ciberseguridade sexa unha prioridade real nas nosas empresas. Este tipo de formacións son esenciais para crear unha cultura de prevención”, subliñan desde a asociación.

Ao remate da xornada, os asistentes desfrutaron dun aperitivo informal, que serviu para favorecer o networking e o intercambio de experiencias entre profesionais.

 

 

Un saúdo,