LandraCiencia: a festa que achega a experimentación á rapazada de Bergantiños

Menuda feira científica armou este pasado domingo o Concello de Carballo co gallo do LandraCiencia 2026. Un fantástico xeito de achegar as novidades tecnolóxicas e a maxia da investigación á rapazada de Bergantiños, que puido facer windsurf nun simulador 3D, usar un microscopio, construír un lego ou facer un chaveiro cunha impresora 3D.

A III Feira do Día da Muller e a Nena na Ciencia, renomeada LandraCiencia, tivo unha fantástica acollida, convertendo o salón do Mercado Municial nun verdadeiro museo científico europeo. Ducias de familias de toda a comarca aproveitaron para levar ás crianzas a experimentar, a investigar, e aprender da man de científicos que colaboraron compartindo os seus saberes, como a carballesa Verónica Bolón, María Brandón (do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo), Jorge Cebey, ou Olalla Rama.