As crianzas de Bergantiños estrean hoxe o programa “De landras a carballos”

O alcalde de Carballo, Daniel Pérez, xunto coa concelleira de Normalización Lingüística, Ángeles Pacoret e a edil de Igualdade, Maica Ures.

 

Arrinca hoxe, venres 20 de febreiro, o programa De landras a carballos, unha iniciativa pensada para reunir actividades culturais, educativas e lúdicas dirixidas ás familias e á infancia na fase entre os 5 e os 11 anos. O ciclo estenderase de febreiro a xuño, e desenvolverase nas Escolas do Xardín Agra de Caldas, sempre ás 18.00 horas.

Co obxectivo de fomentar a participación familiar, promover valores de igualdade, creatividade e pensamento crítico e ofrecer experiencias enriquecedoras para o crecemento persoal e comunitario, o programa inclúe propostas que van desde contacontos e obradoiros ata espectáculos de narración oral e dinámicas participativas.

 

A programación 2026 é a seguinte:

  • 20 de febreiro — Eu son de ciencias
    Público: a partir de 5 anos
    Compañía: Trémola Teatro
    Un contacontos que acompaña á Terra e á súa avoa nunha viaxe pola historia de grandes científicas, con experimentos científicos en directo. Duración: 45 min. 
  • 20 de marzo — A historia en feminino
    Público: a partir de 5 anos
    Compañía: Asociación Lisístrata
    Relatos sobre mulleres referentes en distintos ámbitos —científicas, aventureiras, escritoras, deportistas…— pensados para inspirar e visibilizar modelos positivos. Duración: 45 min.
  • 17 de abril — Contos, cantos, poemas e xogos
    Público: a partir de 5 anos
    Facilitadora: Marta Ortiz
    Obradoiro sobre a importancia dos contos, a música e o xogo na educación infantil e na promoción da igualdade. Duración: 50 min.
  • 22 de maio — Odiseicas
    Público: a partir de 5 anos
    Artista: Sole Felloza
    Espectáculo de narración oral que mestura tradición e creatividade para gozar das historias narradas en primeira persoa. Duración: 50 min. 
  • 19 de xuño — Rachando co guión
    Público: 6–11 anos
    Compañía: A xanela do Maxín (Celtia Figueiras)
    Obradoiro participativo que utiliza o xogo dramático e o teatro foro para reflexionar sobre a desigualdade de xénero, cuestionar estereotipos e promover convivencia inclusiva. Duración: 60 min.