Libros e arte maridan esta fin de semana en Carballo

Alberto Eiré presentará o seu libro Ausentes no Casino
  • O IEB presenta no Casino o libro “Ausentes”.
  • O Espiral Maior Foro acolle unha exposición colectiva e venda de obras de arte.

Doble cita esta fin de semana coa cultura na capital de Bergantiños.

Presentación dun libro no Casino

O Instituto de Estudos Bergantiñáns organiza para este próximo venres 25 de novembro ás 20:00 da tarde no Casino de Carballo, unha charla sobre a emigración galega e a presentación do libro Ausentes, a cargo do periodista e escritor Alfonso Eiré, quen durante moitos anos se dedicou a investigar e coñecer este fenómeno histórico que afectou á maioría das familias galegas.

O libro a través de varios personaxes de distintas familias de emigrantes móstranos como se desenvolveu este movemento migratorio nas súas diferentes etapas, primeiro nos países iberoamericanos e máis tarde, nos de Europa Occidental. Tal como recolle o seu autor, nesta narración plásmase “O retrato dos esquecidos, dos que triunfaron, dos que quedaron na diáspora e dos que regresaron, ricos ou pobres”.

Exposición colectiva en Espiral Maior

Xa o domingo 27 de novembro (Día de Feira), ás 12:00 h., terá lugar na Galería de Arte de Espiral Maior Foro (Rúa do Sol, 34) a inauguración dunha exposición colectiva de obras de arte titulada “11 Horizontes”, composta por máis de 40 obras pictóricas de artistas de Carballo ou ligados a Bergantiños, xunto con obras, todas elas de nova factura, de autores que xa realizaron exposicións na sala carballesa.

A exposición “11 Horizontes” contará con obras de Emi de las Heras, Tucho Caamaño, Manuel Facal, Milos Cotelo, Pepe Cáccamo, Gosia Trebacz, Mon Lendoiro, Viki Rivadulla, Carlos Pereira, Xulio García Rivas e Santiago Picos, nomes todos eles que conforman unha mostra interxeracional de artistas que se proxecta nunha oferta plural e diversa en formatos, técnicas e estéticas, creando un espazo de gran calidade que estará aberto a todas as persoas interesadas todo o mes de decembro do ano en curso e tamén durante o mes de xaneiro de 2023.

Xunto a obras de formato mediano e grande, pintura acrílica ou óleo, tamén haberá exposición de obras de pequeno formato en acuarela, debuxo e obra diversa sobre papel, sendo así que a Galería de Arte Espiral Maior Foro de Carballo crea un “mercado” de arte no Nadal, para ofrecer obras de todo tipo que confirman o gran momento creativo que se vive na actualidade.