A licitación a redacción do proxecto de rehabilitación da casa do concello, o primeiro proxecto con fondos EDIL

Casa do Concello de Carballo

O plan EDIL (Estratexia de Desenvolvemento Integrado Local) é un programa de transformación urbana que conta cun investimento en Carballo de 10,9 millóns de euros, sendo o 60% dos mesmos procedentes do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). 

Un Plan que se pon en marcha coa saída a licitación da redacción do proxecto técnico para a rehabilitación integral da casa consistorial, o primeiro que sae a concurso dentro do Plan de Actuación Integrado "Carballo a man".

A actuación prevista na casa do concello, un edificio construído en 1973, pretende atallar unha eficiencia enerxética obsoleta. O obxecto do contrato licitado é definir as solucións técnicas para convertela nun edificio de consumo case nulo, o que suporá reducir o seu gasto de enerxía primaria non renovable nun 49,82% (pasando de 136,29 a 68,39 kWh/m² ano).

As principais liñas de actuación que deberá definir o proxecto son:

  • Mellora da envolvente: implantación dunha fachada transventilada e substitución total das carpintarías por sistemas de altas prestacións.
  • Cuberta ecolóxica: execución dunha cuberta verde extensiva con sistemas de recollida e reutilización de pluviais.
  • Enerxías renovables: integración de paneis fotovoltaicos para o autoconsumo do edificio.
  • Iluminación de vangarda: renovación integral das instalacións con tecnoloxía LED de alta eficiencia.

Ademais da eficiencia, o proxecto abordará a eliminación de barreiras arquitectónicas e a mellora da sinalización para garantir a accesibilidade universal a un edificio que é a peza central dos servizos públicos municipais.