Daniel Peñaloza, venezolano residente en Carballo: “Aprender galego axuda a integrarse mellor"

cursos de acollemento lingüístico do Concello de Carballo
  • A lingua galega convírtese en ferramenta de inclusión en Carballo

O Concello de Carballo continúa a apostar polo galego como elemento clave de integración social a través dos cursos de acollemento lingüístico e do programa Elos Carballo, unha iniciativa de parellas lingüísticas que xa está en funcionamento e aberta á incorporación de novas persoas participantes.

Por unha banda, a Concellaría de Normalización Lingüística vén de clausurar un intenso e moi participativo curso de acollemento lingüístico, pero xa están preparando o seguinte. A partir do 3 de febreiro, as Escolas do Xardín Agra de Caldas converteranse de novo na sede dun obradoiro dirixido a persoas que queiran aprender non só a lingua, senón tamén os costumes galegos. As clases serán todos os martes e xoves ata maio, en horario de 17.30 a 19.00.

O novo programa, Elos Carballo nace como continuidade natural dos cursos de acollemento, que máis alá da aprendizaxe da nosa lingua, contribúen a crear vínculos e fomentan a integración social. Agora, a través de Elos, créase un espazo de encontro no que persoas que queren aprender ou practicar galego poden facelo a través da conversa e da relación persoal, nun ambiente distendido e próximo. Trátase dunha proposta que busca favorecer a integración desde o día a día, reforzando eses vínculos e creando comunidade a través da lingua.

Na presentación do proxecto, a concelleira de Normalización Lingüística, Ángeles Pacoret, destacou que “a lingua é unha porta de entrada á comunidade e unha maneira de sentirse parte do lugar no que se vive”. Pola súa banda, Tono Formoso, profesor dos cursos de acollemento e coordinador do programa, explicou que Elos permite “dar continuidade á aprendizaxe desde a conversa, a convivencia e a vida cotiá”.

A experiencia das persoas participantes foi tamén protagonista. Daniel Peñaloza, venezolano residente en Carballo, salientou que “aprender galego axuda a integrarse mellor e a entender o lugar no que vives”. Desde o ámbito social, a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Maica Ures, lembrou que a lingua é unha ferramenta esencial para a igualdade de oportunidades e a convivencia.