En marcha a expropiación dos terreos destinados un aparcadoiro en Razo

Novo aparcadoiro de Razo

A Xunta de Goberno Local aprobou na sesión ordinaria deste luns 3 de novembro o proxecto de expropiación dos terreos incluídos no Plan especial de protección, infraestruturas e dotación en Arnados-Razo para a construción dun aparcadoiro e das vías circundantes.

A superficie total é de 11.164 metros cadrados de terreo, clasificado no PXOM como solo rústico de especial protección agropecuaria e parcialmente incluídos na zona de policía dun rego. En concreto, o aparcadoiro ocupará 5.162 metros cadrados, e as tres vías proxectadas, 6.002 metros cadrados.

O Concello de Carballo ten consignada para a adquisición deste solo unha partida de 91.433,16 euros.
Unha vez aprobado de xeito inicial, o proxecto someterase a información pública durante un mes para que as persoas interesadas poidan realizar as observacións que estimen necesarias. Tamén se procederá á notificación individualizada aos afectados.