En marcha as obras da vía que unirá o polígono de Bértoa coa da estrada de Razo
Importante aforro de tempo para a xente que veña do norte e queira ir ata Razo. O Concello de Carballo vén de comezar as obras da da vía que enlazará a rotonda do polígono industrial de Bértoa coa da estrada de Razo, prevista no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) co obxectivo de desconxestionar a estrada comarcal AC-552.
Deste xeito ademais, liberará moito tráfico sobre todo nos horarios de saída dos traballadores e traballadoras do parque empresarial, unha zona que ten unha media de 15.000 vehículos diarios.
Nesta primeira fase acometerase o treito desde o polígono ata a avenida dos Abetos e a rúa Médico Justo Martínez, a través dos cales crearase un itinerario alternativo.
A actuación, adxudicada á empresa Vázquez y Reino por 541.218 euros, comezou cos traballos de roza e explanación dun ámbito de 19.200 metros cadrados. Este primeiro treito da nova vía terá 800 metros de lonxitude e case 14 metros de ancho, nos que se acondicionarán dous carrís de circulación de 3,20 metros de ancho, beiravías de 1,20 metros, cunetas de 1 metro e unha senda mixta, para ciclistas e peóns, de 3 metros de ancho, pola marxe dereita da vía.