O mercado municipal de Carballo, un dos 4 Mercados Excelentes de Galicia

 

O Concello de Carballo entre na Rede dos Mercados Excelentes de Galicia. Un distintivo que identifica aquelas prazas de abastos que destacan pola súa modernidade, a innovación e a dinamización, ao tempo que manteñen a autenticidade e tradición que as caracterizan, e no que unicamente figuran os de Tomiño, Vilagarcía de Arousa e Pontedeume.

O concelleiro de Feiras e Mercados, Ramñon Varela, acompañado polo alcalde, Daniel Pérez, recollía esta semana o distintivo e quixo facer extensivo o premio aos praceiros e praceiras que desenvolven a súa actividade no mercado municipal, colocando conxuntamente unha placa na entrada do centro.

“Temos un produto inmellorable e ofrecemos un trato moi próximo coa clientela, pero sempre hai que seguir mellorando”, indicou Varela, que repasou o proceso de coidado e atención que leva vivido un Mercado convertido ademas nun espazo vivo.

Proceso

A consecución do selo de Mercado Excelente permite culminar un proceso iniciado no ano 2019 coa elaboración do Estudo e diagnose para a mellora do mercado municipal, que establecía unha serie de melloras que fomos executando nos últimos anos encamiñadas a chegar a este punto.

No ano 2023 foi adxudicado o servizo de xerencia, conserxería e limpeza das instalacións, habilitouse unha oficina de atención ao público, houbo melloras de sinalización e instalación de mobiilirio en zonas comúns; púxose en marcha o plan de xestión de residuos e un programa de dinamización, ademais de accións de mentorización dos/as praceiros/as.

No 2024 formalizouse un novo contrato de arrendamento da cafetaría e tamén se realizaron catro novas concesións (dous postos de alimentación e outros dous exteriores).

Xa no 2025 crearon dunha sala de lactación, ampliaron a aula de formación e realizaron a importante mellora do espazo multiusos do primeiro andar, que permitiu levar eventos como o Carballo Interplay. Tamén se renovou a imaxe exterior dos postos mediante a colocación de vinilos e instalamos estores para mellorar a distribución e reducir a pegada térmica nos alimentos.