A mocidade carballesa aprende a Construír o futuro a través do coñecemento
Máis que interesante a xornada de achegamento ao mundo social e empresarial que viviron este mércores un grupo de 25 alumnos e alumnas do ciclo de FP de Electricidade e Telecomunicacións do IES Monte Neme.Participaron esta mañá na xornada “Construíndo o futuro: empresas e formación”, organizada por AXOBER que nesta ocasión contou coa colaboración do Concello de Carballo e das empresas Electricidade Rafael e Garaysa.
Todas as visitas se desenvolveron nun ambiente participativo no que o alumnado puido resolver dúbidas, intercambiar impresións cos profesionais e coñecer de primeira man as demandas actuais do mercado laboral. “Foi unha xornada moi enriquecedora, que permite ao alumnado achegarse á realidade empresarial do seu sector e orientar mellor o seu futuro profesional”, sinala Diego Iglesias, presidente de AXOBER.
Do Concello ao polígono
A xornada comezou na Casa do Concello de Carballo e nas diferentes dependencias municipais onde o alumnado puido coñecer de primeira man o funcionamento de servizos clave para a veciñanza, como a Policía Local, o padrón municipal, o mercado e o servizo de recadación. A visita permitiu achegar ao estudantado ao día a día da administración local e comprender o seu papel no funcionamento do municipio.
Daniel Pérez, Alcalde de Carballo; e persoal do Goberno Municipal e dos diferentes departamentos encargáronse de darlle a benvida e de guiar o
percorrido polas distintas dependencias.
Posteriormente, o grupo trasladouse ao Polígono de Carballo para visitar dúas empresas de referencia no sector eléctrico e de telecomunicacións, ambas integrantes de AXOBER.
A primeira parada foi en Electricidade Rafael, unha empresa fundada no ano 1989 e en continuo crecemento especializada en instalacións eléctricas e de telecomunicacións en vivendas, locais comerciais, edificios públicos,… Durante a visita, Rafael García mostrou as instalacións e explicou os principais ámbitos de traballo da empresa, ofrecendo ao alumnado un contacto directo coa realidade empresarial. Electricidade Rafael forma parte das empresas socias de AXOBER.
A xornada rematou en Garaysa, empresa líder no sector e con presenza internacional. Da man de Pablo Echegaray, Xerente de Garaysa, os estudantes puideron coñecer as súas instalacións, os procesos produtivos e os perfís profesionais máis demandados, ampliando así a súa visión sobre as oportunidades laborais no sector.