Música para o San Xoán carballés

O presidente da comisión, Sergio Varela; a concelleira de Festas, Maruxa Suárez, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, presentaron o extenso e variado programa

Completo programa de San Xoán se desenvolverá non só ao longo da semana grande, do 21 ao 26 de xuño, senón ao longo de todo o mes de xuño, grazas á colaboración do movemento asociativo.

A gran novidade é a presenza dos concertos de Xoel López e Carlangas, que compartirán a Praza do Concello con algunhas das mellores orquestras do momento: París de Noia, Grupo Bomba, Última Legión e Funçao Publika. E, ademais, bandas, charangas, corais, disco móbil, gaiteiros, grupos infantís, pinchadiscos... para ter animación musical da mañá á noite.

A organización recupera ademais a revista das festas despois de catro anos, con interesantes artigos, fotografías e ilustracións, grazas á colaboración desinteresada dunha multitude de artistas e autores/as. Estará á venda a partir do luns 5 de xuño na Biblioteca Rego da Balsa por 2,5 €.

E, seguindo coas tradicións, teremos unha noite de San Xoán moi especial, cunha gran sardiñada e churrascada popular, música, conxuro da queimada e unha cachela que fará historia, deseñada e construída por Maximino Pazos, gañador das últimas edicións do concurso de cachelas. Por certo que a vindeira semana abrirase o prazo para presentar as solicitudes de autorización para as cachelas.