Os novos vehículos da Policía Local de Carballo estarán equipados con desfibriladores e cámaras de gravación

As instalacións deportivas municipais contan con desfibriladores dende hai varios anos.

A Xunta de Goberno Local adxudicou na súa xuntanza de hoxe o contrato de subministro, por renting, de dous vehículos para a Policía Local. Tal como propuxo a mesa de contratación, a oferta aceptada foi a da empresa Grupivazgle, que dotará ao corpo policial de dous SUV Seat Ateca por un importe de 103.382,40 euros e un prazo de catro anos. Ademais do equipamento habitual neste tipo de vehículos que establece a lexislación vixente, neste caso inclúense, a maiores, desfibriladores, cámaras de gravación dianteira e traseira en tarxeta SD e, nun dos coches, un kit de transporte de detidos.

Dado que o prazo de entrega establecido é de 20 días a partir da formalización do contrato, a Concellaría de Seguridade ten organizado xa para o 11 de marzo, de 15.30 a 21.30 horas, un curso dirixido aos axentes da Policía Local, que recibirán formación teórico-práctica sobre os fundamentos da reanimación cardiopulmonar e o manexo de desfibriladores. O curso será impartido por Fernando Mosteiro Pereira, coordinador de transplantes do CHUAC, a través da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp).