O maior investimento levouse a cabo na travesía da estrada de Sísamo onde se renovaron todos os servizos soterrados
Co fin de mellorar os servizos públicos e a accesibilidade, o concello de Carballo e a Deputación da Coruña veñen de investir preto de medio millón de euros no Barrio das Flores.
A actuación de maior envergadura foi a urbanización da travesía urbana da estrada de Sísamo (DP-1901) no treito comprendido entre os puntos quilométricos 0,000 e 0,310. Os traballos, realizados pola empresa excavaciones y obras Candal cun orzamento de 270.717,75 euros, incluíron a renovación de todos os servizos soterrados, e o acondicionamento da superficie mediante a construción de plataforma única. Nas últimas semanas procedeuse á instalación de sinalización vertical e comezou tamén a
colocación de mobiliario urbano, fundamentalmente xardineiras, papeleiras e aparcabicis, aos que se sumarán varios bancos. Ao mesmo tempo, o goberno municipal está xestionando coa Deputación xa a segunda fase da obra, posto que o obxectivo é ir
executando sucesivamente os distintos treitos ata completar a travesía.
A través do Plan de Acción Social (PAS) tamén se realizou un investimento de 187.099,81 euros que permitiu mellorar diferentes espazos urbanos do Barrio das Flores. A empresa Lancer Proyectos y Obras actuou nas rúas Mirtos, Malvas, Camelias, Moreiras e Violetas. As actuacións incluíron nalgúns casos a renovación de canalizacións, pero sobre todo centráronse na mellora da accesibilidade mediante o ensanchamento das vías, a pavimentación, a construción de beirarrúas e a sinalización viaria.
Dentro das obras de mellora tamén se incluíu a reforma integral do parque infantil de San Cristovo
Dentro do mesmo proxecto acometeuse tamén unha intervención na praza de San Cristovo para modernizar as instalacións e garantir o correcto aproveitamento dese espazo público. Deste xeito, o parque infantil experimentou unha reforma integral que incluíu a colocación de novo pavimento de caucho e xogos, e tamén se acondicionaron as pistas deportivas e o mobiliario urbano.
Novas relacionadas