O FIOT prepara a súa recta final con dúas estreas

A actriz Charo López dá vida á Celestina na obra "Ojos de agua" A 24ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT) está en plena recta final que será esta fin de semana con dous pratos fortes nos que o humor e a música se imporán para ofrecer unha orixinal versión destes referentes do xénero dramático. Mañá venres, ás 21.00h, o director e clown de importante traxectoria, Gabriel Chamé, porá o acento internacional coa estrea da súa obra “Othelo”; unha nova forma de achegarse ao texto universal de Shakespeare. Este clásico estará reinterpretado por catro actores especialistas en clown e teatro físico que, con doses de humor, darán vida a todas as personaxes desta historia sobre celos, amor, lealdade, violencia, cobiza e vinganza. En definitiva, o tráxico convertirase en cómico. A entrada ten un custe de 7€. Charo López, a Celestina A programación de sala para esta fin de semana tamén terá como protagonista a obra “Ojos de agua” (15€), na que a popular e recoñecida actriz Charo López dará vida á Celestina. Creada a partir de diversos fragmentos da peza de Fernando de Rojas, esta representación reescribe o pasado e o futuro do mito e os grandes temas da obra orixinal. A cita será este sábado 31 ás 21.00h, os espectadores poderán comprobar como a historia enlaza directamente tempo actual, explorando unha personaxe tan fascinante como contraditoria, que nos confesará os seus segredos máis profundos. Trátase dunha representación feita desde o poético e a emoción, con música e humor, sobre o tempo gozado e perdido, o sexo como pracer e arma, a beleza como regalo e condena, a alegría de vivir a pesar de todo e a liberdade gañada a pulso. A obra convértese en bágoas de risa e emoción nos “ollos de agua” dunha brillante actriz símbolo de toda unha época. Ciclo OTNI
A compañía Cinema Sticado representa hoxe “Strpts//Episodio 1: Mirlo & Rula” Antes destas dúas grandes citas, hai outra programación alternativa cargada de novidades. Así, ás nove da noite de hoxe, o Ciclo OTNI acolle a estrea no FIOT dunha nova compañía galega, Cinema Sticado, que representará a súa obra “Strpts//Episodio 1: Mirlo & Rula” (3€), o primeiro espectáculo da triloxía “Strpts”. A peza conta a historia dun home sixiloso e unha muller soñadora que cruzarán os seus destinos nunha fuxida inesperada por culpa dun segredo a voces. Intriga e sangue nun mundo en desequilibrio coa natureza, sen dereitos sociais e ateigado de corrupción política. En vivo e en directo, esta obra multidisciplinar con cinema, performance, teatro de obxectos e poesía visual hipnotiza ao espectador cun mundo en miniatura e unha experiencia asombrosa. Este resultado lógrase gracias ao estilo propio de Cinema Sticado, que combina artes visuais, teatrais e performativas coa creación de audio e vídeo en tempo real. Previo á función, ás 19.00h, os membros da compañía participarán no “Café con...”, no que poderán conversar cos espectadores para coñecer as súas dúbidas e inquedazas. Ademais, presentarán o cómic “Strpts//Episodio1: Mirlo & Rula”, que leva o mesmo nome ca obra. Entradas Dende a organización do FIOT informan que están dispoñibles as entradas para ver a estrea en Galicia de “Othelo” de Gabriel Chamé e a innovadora e orixinal peza que trae Cinema Sticado ao Ciclo OTNI. Os interesados poderán reservar as súas butacas a través do sistema de televenda de ataquilla.com ou chamando ao teléfono 902 504 500 (de 9.00h a 22.00h). No caso de que nos próximos días aínda quedaran butacas libres, ademais de por Internet, as entradas para a programación de sala poderán mercarse na billeteira do pazo da Cultura a partir das 19.30h do día da representación de cada obra. Aínda que quedan poucas entradas dispoñibles para “Ojos de agua”, aconséllase aos interesados que chamen para informarse de posibles butacas libres ou que se acheguen ao Pazo da Cultura o día da función.  

Máis información

Novas relacionadas

Fonte
  • Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
  • FIOT