O Fórum pecha con éxito as accións formativas para desempregados e desempregadas

Evencio Ferrero e Xosé Regueira pecharon onte o curso de servizos de restaurante A formación é unha das apostas que ser realizan desde o Fórum Carballo. De feito, onte rematou o curso de servizos de restaurante, a última das tres Accións Formativas para Desempregados (AFD) impartidas este ano e nas que participaron un total de 45 persoas. A titora dos novos profesionais da hostalería, Isabel Calvo, destacou o altísimo nivel do alumnado. De feito, hai 13 aprobados e xa se produciron as primeiras contratacións. Demostraron ese nivel servindo un aperitivo aos seus compañeiros e compañeiras dos obradoiros de soldadura oxigás e MIG/MAG e operacións auxiliares de montaxe de instalacións electrotécnicas e telecomunicacións, ao persoal administrativo do Fórum Carballo e a representantes do goberno municipal. O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Promoción Económica, Formación e Emprego, Xosé Regueira, que acompañaron aos alumnos e ás alumnas na súa despedida, expresaron o seu desexo de que a formación adquirida ao longo dos últimos cinco meses contribúa a mellorar a súa empregabilidade nun sector tan dinámico coma a hostalería, tanto en Carballo coma no resto da Costa da Morte. Os cursos AFD, subvencionados pola Consellería de Traballo e Benestar, inclúen formación teórica e práctica, estancias en empresas, módulos transversais sobre formación para a igualdade, inserción laboral, sensibilización medioambiental, creación de empresas e prevención de riscos laborais. Todas estas accións formativas levan aparellada a obtención dun certificado oficial de profesionalidade. Fonte
  • Redacción QPC (info@quepasanacosta.gal)
  • Concello de Carballo
Novas relacionadas