O polígono de Carballo disporá de 78 novas prazas de aparcamento

Crearanse 78 novas prazas de aparcamento na rúa do Bronce co fin de facilitarlle o estacionamento aos traballadores e clientes Nos vindeiros meses quedarán ampliados os aparcamentos e renovadas as zonas verdes do polígono industrial de Bértoa a través da empresa Lancer. Onte a alcaldesa en funcións - Milagros Lantes - e representantes da empresa asinaron o contrato cun orzamento de 112.825,49 euros. O concello de Carballo e a Deputación da Coruña teñen asinado un convenio de colaboración para o financiamento das obras, que teñen un prazo de execución de tres meses. No acto de sinatura tamén estivo presente o concelleiro de Obras e Servizos - Luis Lamas - quen destacou que con esta actuación atenderase a necesidade de ampliar as prazas de aparcamento e de poñer en valor os espazos verdes e recreativos existentes no parque empresarial. O proxecto inclúe, por unha banda, a creación de 78 novas prazas de aparcamento (4 para vehículos pesados e 74 para turismos, incluídas 3 para persoas con discapacidade) na rúa do Bronce. Con esa finalidade procederase ao asfaltado e a delimitación da franxa incluída entre a liña final do carril e a zona axardinada, cun ancho medio de 7,20 metros na zona de turismos e de 6,20 na de vehículos pesados. Deste xeito facilitarase o estacionamento tanto a traballadores/as como a clientes/as das naves.
A alcadesa en funcións, Milagros Lantes, o concelleiro Luis Lamas, e o represante da empresa Lancer asinaron onte o contrato Área recrativa En canto á area recretiva do parque empresarial de Bértoa, a misión da empresa construtora será a mellora do acceso á zona de xogos con adoquín. Tamén se poñerá en servizo unha fonte e o espazo ocupado pola pista de chave, que non se usa, será ocupado por unha grella dobre e cinco mesas con bancos de pedra natural, dando así resposta á demanda que ten a grella xa existente. Todo ese ámbito será delimitado cunha varanda de madeira. Ademais, faranse as reparacións precisas na pista americana e no sendeiro, ao que se lle dará continuidade para crear un circuíto pechado que facilite o seu uso. A actuación na área axardinada completarase coa plantación de distintas especies vexetais. O contrato asinado onte inclúe, finalmente, a instalación dunha barreira de control de acceso de vehículos na rúa Cobre para facilitar a vixilancia e mellorar a seguridade nocturna. Novas relacionadas Fonte
  • Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
  • Concello de Carballo