Un Paso Máis e Aspaber tecen camiños a través do xadrez

A sede da entidade ASPABER acolleu na mañá de onte unha xornada diferente marcada pola estratexia e a convivencia. A Agrupación Deportiva Un Paso Máis visitou as instalacións co seu taller de xadrez adaptado e inclusivo, unha iniciativa que busca romper barreiras a través do taboleiro.

Nesta sesión participaron un total de 16 usuarios e usuarias de ASPABER, que puideron gozar dunha actividade deseñada para fomentar a axilidade mental e a integración social. O taller foi impartido polos monitores Adrián Monteseirín e Valentín Costa, encargados de guiar aos asistentes durante toda a mañá.

Unha colaboración entre a AD Un Paso Máis e ASPABER que reafirma o compromiso de ambas as entidades coa inclusión sociodeportiva, demostrando que o xadrez é un deporte sen límites onde a concentración e a diversión van da man.

Unha xornada entre a historia e a práctica

O taller desenvolveuse nun ambiente lúdico e participativo, dividido en dúas partes diferenciadas:

Nun primeiro bloque, abordáronse aspectos teóricos como a historia do xadrez, as súas múltiples utilidades pedagóxicas e outras particularidades que fan deste xogo unha ferramenta única. Posteriormente, pasouse á parte instructiva, onde os participantes aprenderon as regras básicas e o movemento das pezas, poñendo en práctica o aprendido sobre o taboleiro.

 

Formación para familias no Casino de Carballo

O vindeiro sábado 14 de marzo, as instalacións do Casino de Carballo acollerán o taller titulado "Condutas Disruptivas". Esta formación, que forma parte do ciclo de apoio ás familias da entidade, será impartida por Silvina Lema, mestra de Educación Infantil e actual presidenta da ADPE.

O obxectivo desta xornada é ofrecer ferramentas prácticas e estratexias de xestión emocional para as familias que conviven con este tipo de situacións, fomentando un espazo de aprendizaxe compartido e apoio mutuo.

Balance e futuro na Asamblea Xeral

Por outra banda, a entidade convocou oficialmente aos seus socios e socias á Asamblea Xeral, que terá lugar o 28 de marzo na Escola de Arrabaldes (Carballo). Durante a reunión, procederase á habitual rendición de contas e á presentación da xestión económica e operativa do último exercicio.

Máis alá do balance administrativo, a xunta directiva aproveitará este encontro para dar a coñecer o próximo calendario de actividades, así como os programas e proxectos que a asociación ten previstos desenvolver a medio e longo prazo, consolidando o seu crecemento e impacto social na comarca.