O pleno aproba hoxe o último para que o Sergas inicie os trámites para a construción do CIS de Carballo
Hoxe luns 29, o pleno carballés o convenio de colaboración entre o Concello de Carballo e o Sergas para ampliar o centro de saúde e convertelo nun centro integral de saúde (CIS) de ámbito comarcal.
Trátase do último para que o Sergas inicie os trámites para a construción do CIS. “Desexamos que estea operativo canto antes, xa que, ao meu xuízo, leva bastante retraso”, dixo Evencio Ferrero.
Por parte do Concello de Carballo xa se puxo a parcela a disposición da Xunta de Galicia en decembro do ano pasado, e agora mesmo están en marcha as obras de urbanización, cun investimento de 243.759 euros procedentes das arcas municipais. As obras, que executa a empresa Gestal y López, consisten na apertura dunha nova vía que conectará a rúa Médico Mariño coa avenida do Ambulatorio.
As obras do CIS implican a transmisión en pleno dominio á Consellería de Sanidade dos terreos que albergarán o edificio, así como das vías que a circundan e a súa urbanización por parte do concello de Carballo en virtude do protocolo de actuación asinado o 21 de decembro de 2022.
Preguntas do PSOE
O PSOE levará varias preguntas ao pleno de hoxe. Primeiramente, co fin de clarificar a situación actual e futura da base de bombeiros forestais, pregúntase: En que condicións están a traballar actualmente os bombeiros forestais no emprazamento provisional e considérase esta unha solución só temporal? Cal é a superficie e a localización exacta dos terreos municipais que o Concello ten previsto ceder á Xunta para a construción dunha base permanente, e baixo que condicións se formalizaría esa cesión?
Así mesmo, pedirán ao goberno municipal que se realice, no menor tempo posible, unha limpeza completa das veiras da avenida dos Abetos, dado o estado de maleza e sucidade que presentan. Igualmente piden que adopte medidas urxentes para derivar o tráfico pesado pase pola pista que vai desde Os Pinos en dirección a Bértoa.