A Praia dos Libros regresa a Razo

O alcalde, Evencio Ferrero; a concelleira de Aquivos, Bibliotecas e Normalización Lingüística, Ángeles Pacoret, e o concelleiro de Medio Ambiente e Praias, Miguel Vales, presentaron a nova edición da revista "A píllara das dunas"

A biblioteca coas mellores vistas do mundo volve abrir as súas portas na praia de Razo. Así, ademais de tomar o sol, practicar surf, bañarte ou xogar ao voleibol, teñas ao teu alcance a pé de praia os últimos éxitos literarios e un punto de información cultural xestionado polo persoal das Bibliotecas de Carballo.

A Praia dos Libros, que empeza a funcionar este martes 15 de xullo, será tamén o punto de recollida da revista de pasatempos A píllara das dunas e de salvamanteis con pasatempos para hostalaría, dous recursos máis que pon a disposición da
cidadanía a Concellaría de Bibliotecas, Arquivos e Normalización Lingüística.
A revista poderá recollerse de balde na bibliopraia, así coma nos postos do servizo de salvamento e socorrismo de Pedra do Sal e Baldaio-Saíñas. Neses mesmos puntos estarán dispoñibles os salvamanteis para a hostalaría. Os empresarios do sector
interesados tamén poderán achegarse e recollelos de balde.
O horario da biblio é de luns a venres de 15.00 a 19.00 horas.

Eu quero Razo-Baldaio

A oferta lúdica estival no litoral carballés compleméntase coas numerosas propostas do programa de divulgación medioambiental Eu quero Razo-Baldaio. Este mércores 16 celebrarase a sexta actividade xa desta temporada, unha limpeza colectiva da marisma de Baldaio coordinada por Limpocean. Aínda quedan prazas e podedes anotarvos aquí.