O proxecto Fogóns do Anllóns presenta a súa web e o catálogo de experiencias creado co empresariado

O 7 de xullo ás 11:00 horas presentarase no aloxamento Espazo Nature (Carballo) o novo Catálogo de Experiencias Turísticas Os Fogóns do Anllóns, xunto coa páxina web de mercadotecnia Os Fogóns do Anllóns.
O evento, organizado pola Deputación da Coruña, contará cunha intervención do vicepresidente provincial, Xosé Regueira, e reunirá a representantes de institucións públicas, empresas vinculadas ao turismo e á gastronomía e medios de comunicación locais.
 
Tanto o catálogo como a páxina web forman parte do proxecto "Creación de produtos turísticos empaquetados vinculados á gastronomía (mariscadores, panadeiros, conserveiras, produtores agrícolas, etc.)", que nace coa intención de:
  • Mostrar ao público as experiencias turísticas únicas que se poden gozar na zona.
  • Organizar e dar coherencia á oferta turística e gastronómica da zona.
  • Posicionar Os Fogóns do Anllóns como un punto de referencia gastronómica de quilómetro cero con produtos locais na Costa da Morte.
  • Distribuír mellor o fluxo de visitantes por toda a Costa da Morte.
  • Promover a colaboración entre empresas e entidades públicas para crear novas experiencias.
  • Asociar a zona con produtos locais sostibles e de calidade.
  • Ofrecer ofertas turísticas que manteñan viva a esencia das tradicións mariñeiras e gastronómicas da zona.
Este proxecto desenvolveuse dentro do Plan de Sostibilidade Turística do Destino Os Fogóns do Anllóns, enmarcado nos Plans de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiados pola Unión Europea – NextGenerationEU.